Ou como Pen - PowerPoint PPT Presentation

1 / 69
About This Presentation
Title:

Ou como Pen

Description:

Ou como Pen lope decidiu acompa ar a Ulises. Unidade did ctica para Ensino Secundario e Bacharelato Marta Dacosta Alonso Esta unidade did ctica tit lase Facerse ... – PowerPoint PPT presentation

Number of Views:76
Avg rating:3.0/5.0
Slides: 70
Provided by: aelgOrgre
Category:
Tags: como | pen | tivo

less

Transcript and Presenter's Notes

Title: Ou como Pen


1
FACERSE AO MAR
  • Ou como Penélope decidiu acompañar a Ulises.

Unidade didáctica para Ensino Secundario e
Bacharelato Marta Dacosta Alonso
2
  • Esta unidade didáctica titúlase Facerse ao mar,
    é dicir, iniciar unha viaxe. Unha viaxe que ten
    por obxecto reflexionar sobre a igualdade entre
    homes e mulleres, tomando como pretexto e
    documentación textos poéticos en que se atopan
    elementos para propiciar o debate e procurar unha
    maior sensibilidade sobre este tema.
  • A unidade leva por subtítulo Ou como Penélope
    decidiu acompañar a Ulises, porque esta
    personaxe literaria representa o rol
    tradicionalmente asignado á muller, e nós
    queremos ofrecer a posibilidade de superar esa
    situación para chegar a un tempo novo en que
    homes e mulleres viaxemos xuntos e compartamos de
    forma igualitaria a viaxe e o que nela aconteza.

3
Quen é Penélope ?
???e??pe?a Penélope é unha das personaxes da
lenda de Ulises que aparece recollida en A
Odisea, poema épico atribuído a Homero. Penélope
era a compañeira de Ulises, rei de Itaca, e un
dos que acode ao chamamento de Menelao para
atacar Troia. É así como inicia unha
longuísima viaxe, chea de aventuras, que dura uns
vinte anos. Durante todo ese tempo ela vaino
agardar e gardarlle fidelidade.
Estatua de Penélope no Vaticano Fonte
www.wikipedia.org
4
  • Mentres, moitos homes acoden a Ítaca e tentan
    convencer a Penélope da morte do seu home para
    casar con ela. Penélope resístese e idea unha
    estrataxema para entreter os seus pretendentes,
    que xa loitan entre si para saber quen casará con
    ela. Promete casar cun deles no momento en que
    remate o sudario que está confeccionando para o
    rei Laertes. Mais Penélope destece de noite o que
    teceu de día, prolongando infinitamente a
    confección da tea para evitar ter que casar e
    agardar a que regresa Ulises. Por este motivo
    Penélope simboliza a fidelidade e a castidade.

Penelope (Le travail interrompu), por Adolphe
William Bougereau, 1891.
5
???e??pe?a non viaxou ...
  • Na literatura actual, a personaxe de Penélope
    ten o significado simbólico de representar a
    muller que desenvolve o rol feminino estabelecido
    de ama de casa que queda no fogar para coidar del
    e dos seus habitantes, a muller que renuncia a
    toda evolución persoal ou a realizar os seus
    soños. Esa foi Penélope, a que quedou no fogar
    resistindo fronte aos pretendentes, gardando o
    reino de Itaca dos usurpadores, mentres Ulises
    viaxaba e se enriquecía espiritualmente coñecendo
    outras terras e outras xentes.
  • Penélope permanece no fogar e nin coñece mundo
    nin aprende nada. Por iso as Penélopes do século
    XXI decidimos viaxar, porque tamén queremos
    coñecer e saber.

6
Pesquisar
  • Para saber máis sobre estas personaxes podes
    buscar información no libro de Anisia Miranda,
    Mitos e lendas da vella Grecia, publicado por
    Edicións do Castro.

7
TEMPO DA MULLERTEMPO DA IGUALDADE
8
Rosalía de Castro
9
  • Rosalía de Castro, unha das escritoras máis
    importantes na historia da literatura universal,
    non só na galega, debeu enfrontarse a unha
    sociedade que non estaba preparada para asumir
    que unha muller escribise e triunfase nese labor.
  • Rosalía convértese en escritora nun momento en
    que a sociedade galega, como a europea, ou como a
    sociedade en todo o mundo, non aceptaba que as
    mulleres puidesen realizar as mesmas actividades
    cós homes, como escribir, labor aínda máis
    difícil se quen escribía o facía nunha lingua que
    era consinderada inculta ou que mesmo non tiña a
    consideración de lingua.
  • Rosalía tivo que desenvolver o seu labor baixo
    esta dobre crítica a de ser unha muller non
    normal por realizar un traballo asignado
    comunmente aos homes e a de facelo empregando a
    lingua dos labregos e o pobo máis pobre. Por este
    motivo podemos dicir que Rosalía foi dobremente
    ousada.

10
  • Ela foi a primeira escritora que publicou un
    libro integramente en galego, Cantares Gallegos,
    co que se inicia o Rexurdimento en 1863.

11
  • Xan vai coller leña ó monte,
  • Xan vai a compoñer cestos,
  • Xan vai a poda-las viñas,
  • Xan vai a apaña-lo esterco,
  • E leva o fol ó muiño,
  • E trai o estrume ó cortello,
  • E vai á fonte por augua,
  • E vai a misa cos nenos,
  • E fai o leito i o caldo...
  • Xan, en fin, é un Xan compreto,
  • Desos que a cada muller
  • Lle conviña un polo menos.
  • Pero cando un busca un Xan,
  • Casi sempre atopa un Pedro.
  • Pepa, a fertunada Pepa,
  • Muller do Xan que sabemos,
  • Mentras seu home traballa
  • Ela lava os pés no rego,
  • Coa comadre, que agachado
  • Traillo embaixo do mantelo,
  • E cando Xan pola noite
  • Chega cansado e famento,
  • Ela x'o espera antre as mantas,
  • E ó velo entrar dille quedo
  • Por Dios non barulles moito,
  • Que me estou mesmo morrendo.
  • Pois que tés, ña mulleriña?
  • Que hei de ter? deita eses nenos
  • Que esta madre roe en min
  • Cal roe un can nun codelo,
  • I ó cabo ha de dar comigo
  • Nos terrós do simiterio...
  • Pois, ña Pepa, toma un trago
  • De resólio qu'aquí teño,
  • E durme, ña mulleriña

12
  • Neste poema de Follas Novas, Rosalía emprega un
    recurso literario que chamamos ironía
  • consistente en dicir o contrario do que se pensa
  • para resaltar o que realmente queremos dicir
  • mais deixando claro, neste caso ao final do
    poema, que está a falar dunha situación
    extraordinaria

13
  • O poema Xan reflexiona sobre a situación da
    muller, mais non o fai dicindo directamente as
    penurias que as mulleres pasan.
  • Empregar o recurso da ironía é unha forma de
    procurar a empatía do lector ou lectora, evitando
    un tratamento máis directo e crítico que podería
    conlevar o seu rexeitamento. É pois un recurso
    empregado coa finalidade de procurar a boa
    acollida da crítica social que no poema se fai e
    para pór de relevo unha situación que non é a
    habitual, pois o habitual é que as mulleres
    soporten importantes xornadas de traballo, o que
    se chama dobre xornada laboral.

14
  • Como dixemos antes, Rosalía de Castro, a quen
    hoxe recoñecemos como a grande poeta nacional que
    dá inicio á recuperación da nosa literatura,
    experimentou a negación á que a sociedade somete
    ás mulleres. Rosalía foi negada, como muller e
    como escritora, e así o recolle ela mesma no
    texto Las literatas. Carta a Eduarda.

15
  • Por lo que a mi respecta, se dice muy
    corrientemente que mi marido trabaja sin cesar
    para hacerme inmortal. Versos, prosa, bueno o
    malo, todo es suyo pero sobre todo lo que les
    parece menos malo, y no hay principiante de poeta
    ni hombre sesudo que no lo afirme. De tal modo
    le cargan pecados que no ha cometido! Enfadosa
    preocupación, penosa tarea, por cierto la de mi
    marido, que costándole aún trabajo escribir para
    si (porque la mayor parte de los poetas son
    perezosos), tiene que hacer además los libros de
    su mujer, sin duda con el objeto de que digan que
    tiene una esposa poetisa (esa palabra ya llegó a
    hacerme daño) o novelista, es decir, lo peor que
    puede ser hoy una mujer.
  • Mª P. García Negro, A. Gómez Sánchez e F.
    Rodríguez Sánchez (ed.), Literatura feminina e
    feminista da segunda metade do século XIX.
    Antoloxía, Vigo, AS-PG, 1996, páx. 35.

16
Actividades
  • Traduce para a nosa lingua o fragmento anterior.
  • Rosalía válese dunha figura retórica para
    realizar este comentario. Cal é esta figura?
    Emprégaa ti mesma, ti mesmo, nun breve texto en
    que recollas a valoración das mulleres na
    sociedade de hoxe en día.
  • O poema Xan é un romance (versos de arte menor
    que riman en asoante nos pares), é unha das
    estrofas máis sinxelas e ao tempo máis rítmicas.
    Por que non probamos a seguir o ritmo e
    escribimos un texto irónico sobre a situación da
    muller...?

17
Para saber máis Debemos explicar por que temos
ante nós un texto escrito en castelán. Por un
lado está o feito de que mesmo os defensores do
noso idioma consideraban naquela altura que a
nosa lingua non era axeitada para certos xéneros
literarios, o cal é unha manifestación de
diglosia. Mais debemos considerar tamén a
argumentación de Celia Mª Armas no seu libro As
mulleres escritoras (1860-1870). O xenio de
Rosalía. Nel conclúe a dificultade de que se unan
dúas situacións de carácter extraordinario como
son o feito de que unha muller escriba e que
escriba en galego. A investigadora sinala que só
se dá o caso de Rosalía Castro. As conclusións
deste estudo rematan coas seguintes
palabras Rosalía non só se tivo que enfrontar
ás mesmas dificultades das coetáneas, senón que
tivo que facer fronte a moitas outras derivadas
da súa capacidade para ultrapasar fronteiras que
lle tiñan predeterminadas xa non só á súa
creación, senón á súa propria intelixencia. Foi
moito máis alá do que calquer das outras, e xa
non só nos temas que cultivou, senón no código
que empregou ela en solitario, o galego, a lingua
considerada da incultura e tamén a lingua
protagonista do nacente e reivindicado sistema
literario galeguista. (páx. 335)
18
  • Durante moito tempo a cara pública da humanidade
    foi o home presidentes, escritores, políticos,
    médicos, mestres, músicos, investigadores,... a
    presenza da muller era unha excepción, pois o
    papel que a sociedade lle destinaba non incluía a
    realización de actividades que acadasen relevo
    público. Sucedía mesmo cando se representaban
    actividades que tanto eran realizadas por homes
    como por mulleres.

19
  • Hoxe podemos atopar xa na literatura textos en
    que se fala da muller e se recuperan espazos.
  • No seguinte poema as protragonistas son as
    mulleres traballadoras, concretamente as
    costureiras, traballadoras do sector textil.

A Leiteira, 1658-60, Johannes Vermeer
20
  • CEDO
  • aínda de noite
  • cada día
  • as mulleres do barrio
  • danzan ó son das máquinas de coser
  • nos sotos sen transparencia ós ollos do pobo.
  • Traballan os fíos nos beizos
  • Biliscándoos cos dentes.
  • Fanlles o amor coa lingua
  • De xeito que entran sen grosura
  • Polo burato da agulla.
  • Cada día
  • xa de noite
  • collen o autobús de volta.
  • Todas levan os dedos encarnados
  • e a face de número dous.

Fonte http//sepiensa.org.mx/contenidos/historia_
mundo/siglo_xx/eua/1_mayo/1_mayo.htm
21
COSTUREIRAS
  • 1908
  • 129 mulleres
  • costureiras da fábrica Sirtwood Cotton de New
    York
  • morreron abrasadas no seu lugar de traballo
  • Por que?
  • Secundaban unha folga que tiña mobilizadas máis
    de 40.000 costureiras de Manhattan.
  • As súas demandas eran a igualdade salarial co
    home, a mellora nas condicións hixiénicas da
    fábrica, un tempo para a lactancia e a redución
    da xornada laboral.
  • O empresario negouse a dialogar coas súas
    empregadas e, segundo o mito, ordenou pechar
    todas as portas con cadeados e prender lume ás
    instalacións.

22
Desde entón conmemórase todos os 8 de marzo o día
da muller Xa sexa porque tivo lugar o incendio
ese día, ou porque se realizou unha
manifestación de mulleres para reivindicar os
seus dereitos A cor lila é, teoricamente, a cor
que as mulleres estaban empregando para tinxir as
teas coas que traballaban.
23
  • Para saber máis...
  • A historiografía máis estendida popularmente
    vincula a celebración dese día cos acontecementos
    que supostamente tiveron lugar en 1908 (...)
    Outros estudos, con poderosos argumentos para
    prestarlles atención, indican que o citado
    incendio non foi o 8 de marzo de 1908 senón o 25
    de marzo de 1911 na fábrica da compañía Triangle
    Shirtwaist. Neste incendio morreron moitas
    traballadoras, a maioría inmigrantes de entre 17
    e 24 anos. Este información está extraída do
    artigo Días para a memoria, días para a loita!,
    de Silvia Bermúdez Pérez, que podedes ler íntegro
    en www.galizacig.com e que foi publicado o 21 de
    marzo de 2005. No artigo referénciase como a
    historiografía oficial non recolle que a orixe do
    oito de marzo está vinculada á loita das mulleres
    comunistas e que ten entre as súas raíces as
    accións levadas a cabo polas mulleres rusas.

24
Agora que sabes todo isto, como comentarías o
poema Cedo? Lede a continuación este poema de
Ana Romaní
25
  • Camiñan descalzas polas rochas,
  • pantasmas de sal habitan as sombras,
  • saben que as últimas mareas
  • esqueceron na praia os restos do naufraxio.
  • As mulleres recollen cada noite
  • os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
  • rebélanse contra a Historia,
  • constrúen co mar as estatuas
  • que nunca permanezan.
  • As mulleres de sal, con argazos de sombras,
  • xorden das últimas mareas
  • e tecen tesouros de auga cada noite
  • contra a Historia.
  • Elas, que saben que o efémero permanece.
  • Ana Romaní, Camiñan descalzas polas rochas...,
    Das últimas mareas, 1994.

26
Actividades
  • Que simbolizará camiñar descalzas polas rochas?
  • Por que podemos dicir que este é un poema en que
    a escritora fala dun novo tempo para as mulleres?
  • Sabes algunha lenda de naufraxios?
  • Sabes que son os raqueiros?

27
Na historia
A historia está cheas de heroes masculinos, rara
vez as protagonistas dos acontecementos son
mulleres. Se ben é posíbel que o papel secundario
que sempre se nos asignou tivese como
consecuencia que non estivésemos presentes nos
grandes acontecementos, tamén é certo que en
moitas ocasións ese papel secundario conlevou que
non se valorase debidamente a nosa contribución
activa. En diferentes ámbitos estase a
traballar para reparar esta inxustiza, tamén na
literatura.
28
Constanza de Castro
  • Dona Constanza, a auga pezoñenta
  • apousouche nos labios flor de morte.
  • A carraxe que a sede foi máis forte,
  • a traizón foi que a morte máis cruenta.
  • Raza do Mariscal, raíz violenta,
  • afondaches na terra cando o Norte
  • virou cara a Castela como a sorte,
  • como a xente ao lume que máis quenta.
  • Por iso volverás en cada hedra
  • a abrazar contra o olvido e o desleixo
  • este teu Vilaxoán de pedra a pedra.
  • Miña señor, na Cal da Loba deixo
  • toda a sede de Patria que nos medra
  • e a auga de Galicia coma un beixo.
  • Marica Campo, Constanza de Castro,
    www.bvg.udc.es

Ponte do pasatempo, Mondoñedo. Fonte
http//gl.wikipedia.org/wiki
29
  • Neste poema a escritora Marica Campo recupera
    unha figura esquecida, pois, como dixemos, este
    está sendo un dos labores das escritoras
    poñerlle palabras á memoria das mulleres, ao seu
    papel na historia. Constanza de Castro, filla do
    Mariscal Pardo de Cela, ficou na súa torre de
    Vilaxoán, na Caldaloba, mentres durou o asedio
    das tropas dos Reis Católicos, once meses.
    Durante ese tempo chegou carecer do máis básico,
    como a auga, e así bebeu dun alxibe e morreu
    envelenada. Estes feitos aconteceron en 1483, ano
    en que foi asasinado o Mariscal Pardo de Cela por
    mandato dos Reis Católicos.
  • Pardo de Cela era un señor feudal galego que se
    enfrontou aos Reis Católicos. A súa morte vén
    simbolizar a loita pola liberdade dos galegos, e
    encádrase dentro da política dos Reis Católicos
    de eliminar a nobreza de orixe galega, defensora
    dos intereses dos galegos e galegas, e subsituíla
    por nobreza procedente de Castela, co obxectivo
    de dominar Galiza.

30
María Pita Loitou contra os ingleses S. XVI
Urania Mella Presidenta da Asocicaición de
mulleres antifascistas
Concepción Arenal Intelectual e xurista S. XIX
Pesquisar Para saber máis sobre outras mulleres
significadas ao longo da historia e non sempre
ben coñecidas podes consultar o Álbum de mulleres
do Consello da Cultura Galega (http//www.culturag
alega.org/album/) de onde se tomaron as
ilustracións.
31
Na vida doméstica.A figura da nai
Gustav Klimt, As tres idades da muller, 1905
32
  • As escritoras levamos á poesía moitas das
    cuestións que nos preocupan e que nos ocupan. No
    seguinte poema de Marilar Aleixandre vemos como a
    escritora reflexiona sobre as tarefas da muller,
    nomeadamente sobre a vida doméstica (ela di
    derrotas... por que?), a través dun diálogo coa
    fotografía da súa nai.

33
  • derrotas domésticas
  • debeu ser moi difícil
  • degolar as anguías
  • sen cortar os dedos
  • arrandearte para que non te cubrisen
  • as escamas do ollomol
  • liscar do nó corredío das sabas
  • nas noites opacas
  • que batallas contra os garavanzos
  • medrando disformes na agua que absurda tarefa
  • escoller lentellas de arroz
  • que impotencia
  • cando o leite fervido vai por fóra
  • inevitablemente
  • e se o batifundo das tixolas
  • non che deixaba oír a música
  • se o teu francés e alemán

34
Tamén Olga Novo fala coa súa nai, mais neste caso
o poema adquire forma de carta e nel fálalle á
nai do que está a facer nese momento.
35
  • Querida mamá estou aprendendo a ladrar.
  • une saison en enfer. repite comigo
    Une-Saison-En-Enfer.
  • trinta xeracións de meu analfabetas Eu estou
    aprendendo ladrar.
  • marcar un nunca territorio coa epiglote
  • coma un cadelo coma un can de palleiro
  • escadelearme ata volver en min en can entón
    pronuncio
  • Walt Walt
  • Walt Whitman mamá.
  • estou aprendendo a ladrar.
  • póñome de cu pró sol agárrome a unha aixada e
  • tento imitar o son do cuco do cuco de cu pró sol
    entón
  • a miña gorxa esprémese de dor
  • e oulan coma nunca os futuros posibles que nos
    fan esbombar as veas
  • coma unha pota de leite na lareira.
  • (...)
  • e eu míroche prós ollos prós olliños estás tan
    cansa
  • pero eu non e aquí
  • é o intre da furia can
  • escoito con atención a campá de cris
  • podería mesmo reestructurarche a osamenta
  • co implante dunha canción anarquista.
  • ás veces sinto a dor sedimentándose
  • lámina
  • por
  • lámina
  • coma a pizarra
  • (...)
  • para poder ladrar eu tería que rillar durante
    anos
  • a túa alerxia ó pó á peluxe dos chopos
  • a túa anemia circulando en sentido inverso polo
    sangue
  • tería que ir contigo enterrar ó teu irmán de
    vintesete anos e
  • apretar a meixela para non tronzar a lingua
  • coa súa tuberculose
    mamaíña.
  • ben sei eu que para poder ladrar
  • tería que ir contigo á miña infancia
  • e verme case morrer deshidratada
  • e pregarlle á virxe na que non cres
  • que me devolvera á vida de tres meses e medio

36
Actividades
  • Por que nos damos conta de que este poema é unha
    carta?
  • Que quere dicir cando escribe que está
    aprendendo a ladrar?, Que é para os cans ladrar?
  • Por que repite Walt?
  • Sabes que era Walt Withman?
  • Procura información sobre é Virginia Woolf e
    poñédea en común.
  • Unha vez que tes claro que quere dicir coa
    metáfora de que está aprendendo a ladrar, de que
    mais cousas fala no poema? Hai anécdotas
    concretas que estea a relatar? Podemos saber algo
    da biografía de Olga Novo ou a súa nai a través
    deste poema?
  • Cal dirías que é a relación de Olga Novo coa súa
    nai despois de ler este poema?
  • Atopas diferencias co poema de Marilar
    Aleixandre?
  • Escribe un poema que sexa unha carta dirixida á
    nai.

37
A invisibilidade.O teito de cristal.
Sylvia Plath, fotografía extraída de
http//www.sylviaplath.de/
38
Ben, estamos a falar da recuperación da figura da
muller, ou da recuperación da súa memoria, de
reivindicar cal é o posto que lles corresponde,
de dicir que as mulleres realizan tarefas
importantes, coma os homes, para os que a
literatura ten exemplos de poemas dedicados aos
soldados, aos labregos, aos mariñeiros, aos
traballadores... Hoxe, na literatura galega, e
noutras, tamén podemos atopar poemas dedicados a
valorar o labor doméstico das mulleres ou a súa
entrega ao traballo no campo ou o seu importante
papel como coidadoras da familia. Pensades que
todos este traballos son igual de importantes que
calquera outros e que por tanto merecen, tamén,
estar na literatura, ou onde sexa?
39
A invisibilidade e o teito de cristalPor
tanto, estamos empeñadas en valorizar o traballo
e o papel da muller, é dicir en VISIBILIZAR as
mulleres, porque a situación que tiveron até o de
agora é unha situación de INVISIBILIDADE, é
dicir, non se fala das mulleres como se non se
visen. Hai unha anécdota que lle acontece a unha
escritora americana que exemplifica perfectamente
que é a invisibilidade.
40
Ao longo do século XX e en todo o planeta,
podemos asistir á procura da independencia
económica da muller, á procura dun espazo propio,
da liberdade intelectual... Os exemplos son
diversos. Un dos máis rechamantes, pola obra que
produciu e por ser protagonista dunha biografía
tráxica que exemplificou a invisibilidade
feminina, é o de Sylvia Plath.Na biografía que
Linda Wagner-Martin realiza sobre a escritora
(Sylvia Plath, Barcelona, Circe, 2001, páx. 202),
lemos o testemuño dun crítico literario que pon
en evidencia até que punto as mulleres eran
invisíbeis para a sociedade americana dos anos
60
41
Ted baixou a preparar o carriño mentres ela
vestía ao bebé. Eu quedei un momento atrás ...
Sylvia entón volveuse a min, nada efusiva de
súpeto.-Alegroume moito que elixiras aquel poema
díxome-. É un dos meus preferidos, aínda que ao
parecer non lle gustaba a ninguén máis.Eu non
entendía nada. Non sabía de que me estaba
falando. Deuse conta e aclaroumo.-O que
publicaches no Observer hai un ano. Sobre a
fábrica de noite.-Vállame Deus, mais se ti es
Sylvia Plath! tocoume a min abraiarme agora-.
Ou!, síntoo. Si era un poema precioso.Precioso
non era o termo axeitado, mais que outra cousa
lle dis a unha xove ama de casa intelixente?...
42
Actividades
  • Por que subliñan o apelido da escritora, Plath?
    Sería este o apelido que empregaba habitualmente?
    Como valoras este feito?
  • Cres que o mesmo crítico protagonista da anécdota
    ten a visión axeitada de Sylvia Plath ao
    considerala unha ama de casa nova e
    intelixente?
  • Este texto ilustra o concepto de invisibilidade
    feminina, como? .

43
Invisibilidade
  • Termo que se utiliza para significar que as
    mulleres non receben a mesma atención cós homes e
    que non están igualmente presentes na sociedade
    porque son ignoradas.
  • Sobre a invisibilidade fala Luísa Villalta no
    seguinte poema, subliña os fragmentos que inciden
    neste tema.

44
Os teus pasos de home e os meussempre se cruzan
, ao non saber onde van. Oblicuamente esvaes os
ollos até a miña imaxe ao ponto en que pergunto
que é o que vesatravés do meu espello pesado
como a soedade. Unha muller, contestas, e non
mirascomo me estraña ficar no ceo da tua voz
vacia. (...) Pergunto outra vez, a cada un que
pasa,se de verdade son unha muller, o que é
iso,se me enganaron sempre ou teño algun
camiño. Todos os que me van cruzando non me
acertan.Sen embargo o que son, unha muller, ao
cabo é todoo que sei de min no espello en que me
levas. Para que aprenda a nova ti me apertascos
brazos indecíbeis de ternurado meu alimento á
tua transcendéncia. O meu camiño fixo-se-me
extranxeiro, estou perdidanen meu, porque é teu,
nen xa imaxe,porque non sei que levas no fardo
do corazón. Pero se non me ves, es ti quen
erra.Luísa Villalta, Os teus pasos de
home..., Ruído, 1995.
45
Teito de cristal
  • Fai referencia a que as mulleres, sendo a maior
    parte da poboación e estando igualmente
    preparadas, ou máis, non ocupan cargos
    importantes.

46
As mulleres na Universidade de Santiago de
Compostela
  • De cada 100 estudantes 64 son mulleres.
  • Aproban máis mulleres ca homes (44/33).
  • Mais son menos as catedráticas cós catedráticos
    (12 de mulleres)
  • Fonte Senén Barro, A USC ten nome de muller ,
    Discurso de apertura do curso académico
    2006-2007, o 2 de outubro de 2006.

47
Sobre este concepto do teito de cristal fala este
poema de Xohana Torres.PENÉLOPEDECLARA o
oráculo QUE á banda do solpor é mar de
mortos, incerta, última luz, non terás
medo. QUE ramos de loureiro erguen rapazas QUE
cor malva se decide o acio. QUE acades disas
patrias a vindima. QUE amaine o vento, beberás
o viño. QUE sereas sen voz a vela embaten. QUE
un sumario de xerfa polos cons.Así falou
Penélope Existe a maxia e pode ser de
todos. A que tanto novelo e tanta historia? EU
TAMÉN NAVEGAR.Tempo de Ría, 1992
48
Actividades
  • Por que dicimos que propón rachar ese teito de
    cristal? En que consistía a lenda de Penélope?
  • Que pensades vós?

49
Princesas
  • Quero
  • abandonar
  • a vida morta
  • das princesas
  • Lupe Gómez, Levantar as tetas, 2004.

50
Actividades
  • Quen pode explicar este poema?
  • A que se refire cando fala da vida morta das
    princesas? Por que?
  • Que conto vos lembra este poema?
  • Neses contos as protagonistas que quedan durmidas
    porque se envelenan ou que morren son sempre
    mulleres?
  • Pensa nun conto en que un príncipe sexa salvado
    por unha princesa.

51
  • As princesas durmidas que son espertadas polo
    príncipe simbolizan o papel sometido da muller,
    que está durmida ou morta, é dicir, sen vida,
    mentres non é salvada por un prícipe, un home. A
    muller cobra vida ao pasar ás mans do home, o que
    vén simbolizar a absoluta dependencia do sexo
    masculino.
  • Se non hai ningún conto dun príncipe que sexa
    salvado por unha princesa... haberá que
    escribilo?...

52
... Maltratadas
  • Nesa dependencia a muller pasou a ser
    considerada un obxecto e a ser tratada como tal,
    por iso moitas veces son vitimas de situacións
    abusivas, como neste poema que escribe Marica
    Campo

53
Lapidadas Como ovellas que van ao
matadeirocamiñades a serdes lapidadasen reas,
silenciosas e humilladas,baixo a mirada atenta
do carneiro. Que o voso sangue sexa o
derradeiroa mollar esas terras magoadaspolo
integrismo cruel, polas brigadasdunha fe que vos
nega todo abeiro. Maldita sexa a man que tira
a pedra!Maldito na semente e no futuroo nome
dos que erguen ese murosobre peitos que
alentan! Sexa a hedranai piadosa a cubrilas,
nai que medraa reclamar a vida en berro
puro!Publicado en www.bvg.udc.es
54
Actividades
  • Sabedes en que lugares do mundo sucede isto?
  • Por que, por que lapidan as mulleres?
  • Pensades que é moi inxusto?
  • Credes que deben recibir castigo?
  • Pensades que isto soamente sucede en latitudes
    afastadas?
  • Sabedes que tamén aquí as mulleres son vítimas de
    situacións de abuso? Se cadra ao lado de nós?
  • Lede os seguinte poemas de Medos Romero.

55
Medos Romero, O pozo da ferida, 2006, Deputación
da Coruña.
  • Non me pareu nai
  • para a intempérie
  • e o castigo,
  • para a agonia en soedade
  • deste descampado.
  • Non nacín, nai, para a tortura
  • da besta e o delírio.
  • Non, para berar sempre
  • non.
  • Non nacín, nai, para ser cruz
  • desta fria poceira.
  • A tristeza es ti, nesa violencia
  • coa que te adentras en min,
  • brutal, como un can enlouquecido.
  • A tristeza toda está nese xeito
  • inútil no que non me sabes amar.
  • Tan só porque non me oes,
  • tal vez porque nin me escoitas.

56
Actividades
  • Estes poemas lémbranvos algunha das noticias que
    oídes nos telexornais?, comentádeas e sinalade
    como se reflicte esa situación nos poemas.
  • Comentemos os poemas.
  • Este libro nace ante a desolación que
    experimentou a súa autora ao coñecerse o
    asasinato dunha meniña chamada Erika, se cadra
    lembrades o feito...

57
Unha tarefa de todos e todas
58
  • Le o seguinte poema, identifica o seu tema e
    explica de que nos fala.
  • Quen escribiría un poema así? Unha muller, un
    home?, neste século, no XIX?

59
ResopraFol de lumeSeu corpo acendidoHai só
unha horaAndaba María enorme nas agrasSachando
as patacasAgora é unha balea varada na
praiaUnha egua espantadaUn furacán de desexosE
de augasPola boca das pernasMiña nai asoma a
cabeza.
60
  • As mulleres emprenderon un traballo de
    renovación da poesía asumindo o papel que lles
    correspondía tamén na literatura, pois somos as
    mulleres as primeiras que debemos loitar pola
    igualdade.
  • Mais esta achega das escritoras incide tamén na
    literatura escrita por homes. Rafa Villar, o
    poeta autor de Casa ou sombra, chegou dicir que
    se identificaba coas mulleres escritoras da súa
    xeración.

61
  • Todo é máis doado se o facemos entre todos e
    todas, e o certo é que que tamén para os homes e
    os nenos é necesaria a igualdade entre homes e
    mulleres, pois a igualdade contribuirá a unha
    sociedade máis xusta e, por iso, máis libre.
  • Hoxe en día, tamén na obra dos escritores
    atopamos a recuperación do espazo para a muller,
    estes son algúns exemplos

62
  • Eduardo Estévez, O caderno da pequena difunta.
  • Carlos Negro, Héleris.
  • Sechu Sende, Odisea.
  • Vázquez Pintor, Lira.

63
  • O poema que lestes antes é un exemplo pertence
    ao libro As horas de María de Paco Souto, un
    fermoso libro en que nos deixa o legado da
    memoria dunha muller que sobreviviu a un tempo
    atroz, o da ditadura e a posguerra, unha muller
    que foi quen de sacar adiante a casa e a familia,
    como moitas outras mulleres.

64
  • Tamén entre a poesía das décadas de 60 e 70
    podemos atopar algún exemplo parello, é o caso do
    poema de María Soliña, un poema que recupera a
    memoria dunha muller torturada e asasinada
    inxustamente.

65
María Soliña
  • Celso Emilio Ferreiro cóntase entre os poetas
    que nos deixaron un retrato feminino de singular
    importancia, é o caso do seu poema María Soliña
    que se basea na historia dunha muller de setenta
    anos que despois de perder a súa familia, o home
    e máis o irmán, no ataque dos turcos a Cangas en
    decembro de 1617, é acusada polo tribunal da
    Santa Inquisición de bruxa e xulgada como tal.

66
  • Para saber máis...
  • As mulleres, igual que ocorrera na Coruña con
    María Pita, defenden as costas dos ataques
    piratas e moitas veces son violadas e torturadas,
    ademais de roubadas, nestes ataques.
    Posteriormente a estes feitos varias das mulleres
    que organizaron a resistencia nas costas do
    Morrazo foron acusadas de bruxería ante o
    Tribunal da Inquisición. Unha delas sería María
    Soliño, ... A Inquisición confiscaba, previamente
    aos xuízos, os bens das persoas procesadas e
    partía sempre da base da culpabilidade, tendo que
    ser a acusada a que demostrase a súa inocencia.
    Ademais, a denuncia ante a Inquisición podía ser
    anónima. María Soliña, xunto con outras
    compañeiras, foi encarcerada, torturada os seus
    bens foron confiscados polo Santo Oficio e ela
    condenada por bruxería. Malia que é certo que non
    foi queimada viva, como moitas outras mulleres
    desa época, a loucura, a fame e a miseria foron
    as que remataron coa súa vida pasou a
    converterse no símbolo do sufrimento do pobo, e
    moi especialmente das mulleres, perante o poder e
    o despotismo.
  • Fonte Álbum de mulleres do Consello da Cultura
    Galega (http//www.culturagalega.org/album/)

67
  • Polos camiños de Cangas
  • a voz do vento xemía
  • ai, que soliña quedache,
  • María Soliña.
  • Nos areales de Cangas,
  • muros de noite se erguían
  • ai, que soliña quedache,
  • María Soliña.
  • As ondas do mar de Cangas
  • acedos ecos traguían
  • ai, que soliña quedache,
  • María Soliña.
  • As gueivotas sobre Cangas
  • soños de medo tecían
  • ai, que soliña quedache,
  • María Soliña.
  • Baixo os tellados de Cangas
  • anda un terror de auga fría
  • ai, que soliña quedache,

68
Agora tócanos a nós.
  • Elixide un tema, algúns dos que estivemos
    falando, e deixade voar as vosas palabras e a
    vosa emoción. Como unha canción que vos nacese
    das mans, escribide o voso propio poema.

69
Bibliografía
  • A.A.V.V., Álbum de mulleres do Consello da
    Cultura Galega, http//www.culturagalega.org/album
  • Armas García, Celia Mª, As mulleres escritoras
    (1860-1870). O xenio de Rosalía, Compostela,
    Laiovento, 2002
  • Blanco, Carme, Literatura galega da muller, Vigo,
    Xerais, 1991
  • Barro,Senén, A USC ten nome de muller , Discurso
    de apertura do curso académico 2006-2007, o 2 de
    outubro de 2006.
  • Bermúdez Pérez, Silvia, Días para a memoria,
    días para a loita!, 2005, www.galizacig.com
    García Negro, Mª P., Gómez Sánchez, A. e
    Rodríguez Sánchez, F. (ed.), Literatura feminina
    e feminista da segunda metade do século XIX.
    Antoloxía, Vigo, AS-PG, 1996.
  • Macedo, Ana Gabriela Amara, Ana Luísa Amaral
    (ed.) Dicionário da crítica feminista Porto,
    Ediçoes Afrontamento, 2005
  • Miranda, Anisia, Mitos e lendas da vella Grecia,
    Sada, Edicións do Castro, 1985.
  • Vicente López Soto, Diccionario de autores, obras
    y personajes de la literatura griega, Barcelona,
    Editorial Juventud, 1984
  • Villalta, Luisa, Por qué os homes non nos len?
    (A difícil homologación da literatura escrita por
    mulleres), en Doce ensaios arredor de Virginia
    Wollf,
  • Wagner-Martin , Linda, Sylvia Plath, Barcelona,
    Circe, 2001.
  • Woolf, Virginia, Un cuarto de seu, Santiago de
    Compostela, Xunta de Galicia e Sotelo Branco,
    2005.
Write a Comment
User Comments (0)
About PowerShow.com